Educaplay - Miriam

Como estades, rapazas e rapaces???

No capítulo de hoxe vouvos falar dunha das moitas ferramentas que existen para crear xogos/actividades multimedia interactivas, pois non sempre se atopa na rede o que buscamos exactamente. Así, pódese deseñar o tipo de actividade que se queira, ao gusto. 

As ferramentas 2.0 están gañando terreo con respecto a algúns programas educativos para elaborar actividades interactivas e isto débese á facilidade de uso e, sobre todo, á dispoñibilidade do material creado que automaticamente queda colgado na rede, preparado para utilizalo co alumnado na clase ou colgalo nun blog.

De todas as que atopei, a miña favorita é Educaplay. Nesta páxina, ademais de deseñar as nosas propias actividades interactivas, baseadas en tecnoloxía flash, podemos dar uso a outras que estean publicadas por outros usuarios. Así, podemos atopar actividades de calquera materia e utilizalas nas nosas clases. En Educaplay elabóranse materiais de forma online e quedan na plataforma para compartilos co resto do profesorado.


Para comezar a crear actividades en Educaplay só é necesario reixistrarse. Unha vez dados de alta accedemos ao noso perfil e xa podemos comezar a deseñar as nosas propias actividades. Podemos elaborar actividades en 9 idiomas: español, inglés, francés, portugués, holandés, galego, catalán, euskera e italiano. Unha das vantaxes que nos brinda Educaplay é a posibilidade de exportar as actividades para integralas en plataformas. Outra característica interesante é que estas actividades son auto corrixibles, o cal é estupende para que o alumnado realice as tarefas desde a súa casa e, por suposto, son moi prácticas para o traballo coa PDI, que, lembremos, é o noso proxecto.

Educaplay conta con dezaseis tipos de actividades interactivas: Adiviñanza, Completar, Crucigrama, Diálogo, Ditado, Ordenar letras, Ordenar palabras, Relacionar, Sopa de letras, Test, Mapa interactivo, Presentación, Video Quiz, Relacionar columnas, Relacionar Mosaico, e, finalmente, a Ruleta de palabras. As actividades pódense elaborar con enunciados de texto, imaxes e audio, o cal dá un abanico interesante de posibilidades.

Persoalmente, como poderedes ver dentro dunhas semanas, eu decidín elaborar dúas actividades con esta ferramenta, pois gustoume moito e pareceume á máis sinxela. Finalmente decanteime por deseñar unha ruleta de palabras sobre gastronomía galega e unha sopa de palabras sobre os deportes.

Espero que aprenderades moito sobre Educaplay e que probedes a crear os vosos propios xogos.

Comentarios

Publicacións populares